- Ámbito
- ga
- Data
A Federación abriu en 2022 unha liña de traballo destinada á poboación infantil coa publicación dun libro dos Bolechas.
"Establecer as condicións da colaboración entre a Consellería [de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional] e Dano Cerebral Galicia nas accións e actividades dirixidas á mellora da atención educativa ao alumnado con dano cerebral adquirido (DCA) en idade infantil e adolescente" é o obxecto do Convenio de colaboración asinado entre ambas entidades o pasado mes de febreiro para enmarcar as nosas liñas de sensibilización e apoio en escolas.
Estas accións de formación e de sensibilización cumpren en 2026 catro anos de vida, nos que chegamos a algo máis de 2.500 nenos e nenas. Dano Cerebral Galicia pretende, ademais, ensanchar estes servizos desde o ano que comeza.
Traxectoria de sensibilización da infancia
A Federación comezou a desenvolver actividades dirixidas á infancia en 2022, coa publicación do conto da serie Os Bolechas 'Mireia conta que é o dano cerebral adquirido'. Este volume, que explica ás crianzas que é o dano cerebral, achega pautas para identificalo e orienta sobre como debe ser o tratamento a persoas con esta discapacidade, comezouse a presentar en escolas ese mesmo ano, no marco dunha serie de obradoiros destinados a sensibilizar á poboación infantil sobre a prevención e identificación das causas e o respecto ás diferenzas para a construción dunha sociedade máis inclusiva.
Entre 2022 e 2025 desenvolvemos 62 obradoiros (o primeiro deles foi a presentación pública do proxecto, coa presenza de Pepe Carreiro, autor do libro) aos que asistiron 2.297 nenas e nenos.
Esta liña de traballo leva contado co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade a través do Convenio nominativo e dos fondos de IRPF, da Deputación da Coruña e do Grupo Tragsa.
Dous anos despois da publicación de Os Bolechas, en 2024, asinamos un convenio de colaboración coa iniciativa Fast Heroes, que tamén está destinada ao público infantil, aínda que está máis especificamente centrada no ictus e na súa detección e prevención. Desde ese ano colaboramos con centros educativos de infantil e primaria para o desenvolvemento de obradoiros baseados nesa iniciativa. Nos dous anos de colaboración desenvolvemos 15 obradoiros de Fast Heroes, que contaron cunha asistencia de 262 estudantes. O financiamento desta serie de obradoiros procedeu sempre dos fondos de IRPF.
Novos horizontes en 2025
En 2025 ampliamos as liñas de traballo destinadas á infancia e ao ámbito educativo. En primeiro lugar, incorporamos aos obradoiros que realizamos en escolas sesións de ocio inclusivo, nas que ensinamos ás nenas e nenos o xogo da boccia. Houbo dous obradoiros que contaron con 22 asistentes.
En segundo lugar, abrimos un espazo de traballo destinado ao público xuvenil, no marco do que elaboramos a banda deseñada 'Unha noite calquera'. O seu deseño e impresión realizáronse o ano pasado, e en 2026 comezaremos a empregar este material en obradoiros en secundaria e formación profesional. 'Unha noite calquera' é un produto informativo centrado na segunda causa do dano cerebral adqurido, os traumatismos cranioencefálicos por accidentes de tráfico, e está baseado na historia real dunha persoa usuaria dunha das nosas asociacións.
E en terceiro e último lugar, 2025 foi o ano no que se sentaron as bases do programa de Acompañamento educativo no dano cerebral adquirido. Realizouse un mapeo de centros e necesidades de atención e elaborouse un folleto e unha guía de recomendacións para o profesorado que conta entre os seus alumnos e alumnas con crianzas con dano cerrebral adquirido. Este ano está previsto afondar no mapeo e no desenvolvemento de labores de asesoramento individual e aos centros educativos, sempre co obxectivo de mellorar a inclusión e a calidade da atención que reciben as nenas e nenos con dano cerebral.
O Convenio coa Consellería de Educación recolle e enmarca todas estas liñas de traballo, facilitando e vehiculando o acceso e comunicación entre os centros públicos de ensino e a Federación de asociacións de dano cerebral adquirido. A súa vixencia esténdese ata o final do curso 2028-2029, achegando unha marxe ampla para a detección e intervención co alumnado con necesidades especiais de atención educativa por causa dun dano cerebral adquirido.
Todas as devanditas actividades continúan este ano e están incluídas nos programas financiados pola Consellería de Política Social e Igualdade con cargo aos fondos do IRPF.