- Ámbito
- Nigrán | Cambados
- Data
As sesións informativas terán lugar os días 3 e 17 de marzo, respectivamente. A do Salnés presentouse onte nunha rolda de prensa no Concello.
O presidente de Dano Cerebral Galicia, Luciano Fernández, participou onte nunha rolda de prensa no Concello de Cambados na que presentou as vindeiras actividades de información e de formación que imos levar ao Concello do Salnés. Fíxoo nun acto acompañado por Alba Basalla, de AFASAL (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias do Salnés), Regina Núñez (Concellería de Servizos Sociais), e Samuel Lago, alcalde da vila, no que presentaron a programación municipal das vindeiras semanas en materia de sensibilización sobre diferentes doenzas e discapacidades.
En concreto, Dano Cerebral Galicia organiza unha charla de Aproximación ao dano cerebral que terá lugar o martes 17 de marzo ás 17:00 no Salón Pitusa, en Exposalnés. Aínda que a asistencia é de balde, é preciso inscribirse. Este trámite pode realizarse cubrindo este formulario de inscrición ou chamando ao 881 943 148 (Concello de Cambados) ou 652 770 653 (Dano Cerebral Galicia).
Ademais, na rolda de prensa anunciouse tamén a organización de dúas actividades formativas: os cursos Apoio no fogar de persoas con dano cerebral adquirido e Alimentación, deglutición e nutrición. Abordaxe no dano cerebral. As datas anunciaranse proximamente.
Aproximación ao dano cerebral en Nigrán
Pola súa banda, o Concello de Nigrán vai acoller a charla de Aproximación o vindeiro martes, 3 de marzo. Será ás 17:30 no Auditorio (Avenida Castelao, 2). Como no caso de Cambados, é unha actividade aberta a todo tipo de público, dunha duración estimada de hora e media.
A inscrición tamén é necesaria e pode realizarse cubrindo este formulario de inscrición ou chamando ao 986 365 000 (Concello de Nigrán) ou 652 770 653 (Dano Cerebral Galicia).
Apoio institucional
Ademais do apoio dos concellos de Cambados e de Nigrán, Dano Cerebral Galicia conta para esta actividade co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, que se organiza grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda.