- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
O documento busca, tal como define a misión, "promover o coñecemento e para mellorar a calidade de vida e o pleno exercicio de dereitos das persoas con dano cerebral adquirido e da súa contorna".

A Asemblea Xeral Extraordinaria que Dano Cerebral Galicia convocou o pasado setembro tiña dous obxectivos: renovar a Xunta Directiva e aprobar o Plan Estratéxico 2025-2028 da Federación.
O documento, arestora en fase de impresión, comeza a súa andaina este mes, tomando a forma da súa primeira Programación Operativa Anual (POA), que a Xunta Directiva revisará na súa vindeira reunión xunto coas programacións específicas das áreas de Formación, Comunicación e Igualdade.
Dano Cerebral Galicia dispoñibiliza o documento para a súa consulta e descarga, no marco da súa política transversal de transparencia. Pódese acceder ao mesmo desde a sección de Publicacións ou nesta mesma ligazón: Plan Estratéxico 2025-2028.
Folla de ruta para cinco anos
O recen estreado Plan Estratéxico conta con cinco liñas estratéxicas, outros tantos obxectivos estratéxicos, 12 obxectivos operativos e unha previsión de 53 accións que colaborarán para o seu cumprimento, xunto con 43 indicadores de seguimento. Estes divídense entre os de proceso -anuais, vinculados ás programacións operativas-, de produto -relacionados tamén co POA, así como coas avaliacións intermedias-, e de efecto -cos que se medirán os resultados finais-.
Os obxectivos estratéxicos cos que conta o documento son os seguintes:
- Consolidado o papel da Federación como referente principal na atención ao dano cerebral en Galicia.
- Estendido o coñecemento do dano cerebral adquirido a través da formación, información e sensibilización.
- Mellorado o coñecemento e a atención ao dano cerebral a través do impulso de proxectos e programas, nomeadamente daqueles con maior compoñente de innovación.
- Avanzada a expansión do movemento asociativo a través do traballo conxunto das entidades coordinadas pola Federación.
- Consolidada a estrutura de Dano Cerebral Galicia para a mellora continua do modelo de xestión e procesos organizativos que permitan asegurar a sustentabilidade da Federación.
Renovada misión e visión
O Plan Estratéxico anterior deu uns froitos que, combinados coa propia evolución dos tempos e momentos das entidades e do conxunto da Federación, levaron a reformular a misión, ese mandado final cara o que todo o tecido asociativo debe remar conxuntamente. A nova misión di que:
"Dano Cerebral Galicia é a federación que aúna, dinamiza e representa o movemento asociativo do dano cerebral adquirido de Galicia co obxectivo de desenvolver accións nos eidos social, político e técnico para promover o coñecemento e para mellorar a calidade de vida e o pleno exercicio de dereitos das persoas con dano cerebral adquirido e da súa contorna social e/ou persoas coidadoras."
A visión, é dicir, como o conxunto da organización se ve a si mesma no futuro, tralos avances acadados, tamén foi reformulada, para indicar que:
"Dano Cerebral Galicia é unha referente especializada e dinámica do terceiro sector, representando un movemento asociativo consolidado, cohesionado e recoñecido social e institucionalmente que traballa para visibilizar e concienciar sobre o dano cerebral adquirido, situándoo na axenda social e política de Galicia."
Un proceso continuista
O novo Plan Estratéxico foi elaborado co apoio de Análisis y Desarrollo Social Consultoría, grazas ao labor dun grupo de traballo constituído con persoal técnico e directivo da Federación e das súas asociacións. Hai máis información aquí.