- Ámbito
- Galicia
- Data
Iniciado o ciclo de adestramentos en piscina, mediante os que se vai preparar a Travesía en augas abertas do verán de 2026.
O sábado 22 de novembro arrincou na piscina de Brión a terceira edición do proxecto Nado Polo Dano Cerebral, unha iniciativa deportiva e tamén solidaria que culminará en 2026 coa Travesía en augas abertas.
Co apoio dos membros e do voluntariado de Arousaman-Arousawoman, así como do nadador e instructor Aitor de Luis, este proxecto vai formar en natación adaptada a oito persoas con dano cerebral adquirido de Alento (Vigo) e de Dano Cerebral Santiago de Compostela.
O programa de adestramentos inclúe un encontro mensual cos membros de Arousaman-Arousawoman, no que se recibe formación técnica, teórica e práctica, que a continuación se desenvolve en citas semanais co monitorado e apoio do persoal técnico das asociacións. Máis adiante, cara o final da primavera, está previsto organizar tamén algunha sesión en augas abertas.
A meta final do programa de adestramentos é a participación na Travesía a Nado Polo Dano Cerebral, unha proba en aguas abertas que tamén acadará, en 2026, a súa terceira edición. Os dous anos anteriores (2024 e 2022) organizouse na Praia do Preguntoiro, en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa).
Unha actividade, multitude de obxectivos terapéuticos
O principal obxectivo do programa Nado Polo Dano Cerebral é a promoción do acceso e participación en actividades de ocio inclusivo para persoas con dano cerebral adquirido, como garantía do seu exercicio de dereitos. Pero as consecuencias positivas de participar neste programa non rematan aí.
O adestramento en natación, que acompañan tamén profesionais das asociacións, ten fins terapéuticos a nivel de rehabilitación física, promovendo o desenvolvemento das capacidades de cada unha das persoas participantes segundo a súa programación personalizada de recuperación ou de mantemento. Por outra banda, a práctica deportiva forma parte duns hábitos saudables recomendados para a poboación en xeral, e para as persoas con discapacidade en particular, pois axuda á prevención de situacións de dependencia.
Contar coa meta final da Travesía implica un estímulo a nivel de superación persoal que redunda na autoestima das persoas participantes, como se comprobou en edicións anteriores: desde persoas que completaron a Travesía sen saber sequera nadar antes do programa (nin antes do dano cerebral) ata persoas que continuaron practicando pola súa conta e participando noutras travesías á marxe do proxecto, ou o nacemento de amizades vinculadas á realización desta actividade deportiva. E é que o ocio inclusivo serve para a "rehabilitación social", promovendo a participación e a socialización coas persoas voluntarias e con outras persoas con dano cerebral.
O propio feito de acudir á piscina, aprender (de cero ou retomar unha actividade que se sabía de antes pero que se perdeu coa chegada do dano cerebral adquirido), mellorar, e mesmo lograr culminar a Travesía a Nado, ten incontables beneficios a nivel de ánimo e tamén reforza a autoestima, contribuíndo a mellorar o ton xeral da persoa con dano cerebral adquirido.
Terceira Travesía a Nado Polo Dano Cerebral en augas abertas
Está previsto que o programa de adestramentos culmine coa terceira edición da Travesía a Nado Polo Dano Cerebral, que Dano Cerebral Galicia está comezando a organizar, e que terá lugar no mes de xullo de 2026.
Trátase dunha proba deportiva totalmente inclusiva e accesible; nas dúas edicións anteriores participaron arredor de 200 persoas, con e sen dano cerebral. Unha cita máis do programa de ocio inclusivo e unha demostración de que as actividades para todos e todas son posibles. Grazas á colaboración de Arousaman-Arousawoman e de diferentes asociacións de socorrismo, salvamento e de natación, garántese a presenza de voluntariado para todo tipo de necesidades de acompañamento das persoas con e sen discapacidade.
Ademais, a Travesía é unha actividade solidaria coa que se recadan fondos para continuar financiando iniciativas pola calidade de vida e o exercicio de dereitos das persoas con dano cerebral adquirido, e serve tamén como plataforma de visibilización da nosa discapacidade e de sensibilización sobre as súas causas, prevención e situación das persoas e familias que conviven con ela.