- Ámbito
- A Coruña
- Data
O centro de formación imparte as titulacións de 'Coidados auxiliares de enfermería' e 'Atención a persoas en situación de dependencia'.

O alumnado das titulacións de ‘Coidados auxiliares de enfermería’ e ‘Atención a persoas en situación de dependencia’ do Centro de Formación da Cruz Vermella na Coruña leva tres días asistindo a unha formación especializada sobre ‘Apoio no fogar de persoas con dano cerebral adquirido’.
O curso sobre ‘Apoio no fogar’ foi formulado por Dano Cerebral Galicia co obxectivo de capacitar ás persoas coidadoras, formais e informais, nas especificidades do dano cerebral adquirido. Ademais de presentar os aspectos máis xerais da nosa discapacidade, achega indicacións sobre como detectar e avaliar a evolución da persoa en situación de dependencia. Realiza un repaso polas principais secuelas con recomendacións para a comunicación; as alteracións cognitivas e condutuais; as transferencias e cambios posturais; alimentación, deglutición e nutrición; hixiene e prevención de úlceras; e acompañamento no tempo libre.
Acordo coa Cruz Vermella na Coruña
Dano Cerebral Galicia e a Cruz Vermella na Coruña colaboran nesta formación, impartida de xeito gratuíto ao alumnado do centro de formación da cidade herculina, co obxectivo de mellorar a capacitación do estudantado, que o día de mañá desenvolverá funcións relacionadas co coidado de persoas, coa posibilidade de que esta atención se realice no ámbito domiciliario, e tamén de que se proporcione a persoas don dano cerebral.
O curso de ‘Apoio no fogar’ desenvólvese en tres sesións, que se impartiron en tres xornadas, desde o luns, 5 de maio, ata hoxe. O alumnado de ‘Coidados auxiliares de enfermería’ recibe a formación de mañá, e as futuras e futuros técnicos de ‘Atención a persoas en situación de dependencia’ asisten pola tarde. A duración total do curso é de 10 horas. Están a asistir arredor de 40 estudantes.
Dano Cerebral Galicia desprazou á Coruña a tres profesionais especializadas para titorizar esta formación, trasladando cada unha delas os aspectos máis relacionados coa súa área de coñecemento. Están a ser docentes a traballadora social Carla Miranda, a logopeda Noelia Rivadas e a terapeuta ocupacional Inés Mosquera.
Apoio institucional e X Solidaria
Ademais da colaboración entre Dano Cerebral Galicia e a Cruz Vermella na Coruña, esta formación conta co apoio doutras dúas entidades. Por unha banda, a Escola Galega de Saúde para Cidadáns, dependente da ACIS (Axencia de Coñecemento en Saúde), do Sergas, que ademais emite os certificados de superación do curso.
Pola outra, a actividade ten o respaldo da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, que se organiza grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda.