- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
A inscrición na actividade, que terá lugar na tarde do 29 de outubro, Día Mundial desta doenza, está aberta e é de balde.
A Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria (AGEFEC) e Dano Cerebral Galicia organizamos, na tarde do 29 de outubro, unha Xornada de Prevención do Ictus na que xa podes inscribirte. O encontro vai ter lugar a partir das 17:00 no Salón de Actos da Consellería de Sanidade, o mesmo organismo que concedeu á Xornada o recoñecemento de Interese Sanitario.
Podes tramitar a túa inscrición aquí: FORMULARIO DE INSCRICIÓN
Hábitos saudables e cronicidade
A Federación de dano cerebral e AGEDFEC levamos meses colaborando cun obxectivo común: fomentar uns hábitos de vida saudable que redunden na prevención do ictus, a principal causa da nosa discapacidade.
Con ese fin, constituímos dous grupos de traballo, un centrado na promoción da saúde (para o control dos factores de risco do ictus máis xerais, como o sedentarismo, por exemplo), e outro na atención e acompañamento á cronicidade (concibido para tratar de neutralizar os factores de risco máis específicos, como a obesidade ou a diabetes).
Estes grupos de traballo elaboraron dous materiais informativos: o folleto 'Cóidate. Desmontando mitos para a prevención do ictus', e a 'Axenda da prevención do ictus'. O primeiro, como indica o seu título, trata de desmontar falsas crenzas arredor da saúde, e de promover un estilo de vida saudable en base a unha fundamentación científica. O segundo, a Axenda, ten forma de caderno para o control de tres factores de risco cruciais no ictus: a hipertensión arterial, a dislipemia, a diabetes e a obesidade.
Presentación dos materiais
Co obxectivo de presentar os devanditos materiais á poboación en xeral, especialmente a aquelas persoas máis directamente implicadas con algún dos factores de risco detallados, e tamén ao persoal sanitario, que poderá empregar e prescribir os materiais informativos a modo de apoio cos seus e as súas pacientes, Deno Cerebral Galicia e AGEFEC organizamos unha Xornada de Prenveción do Ictus na que contamos co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade e da Consellería de Sanidade.
A Xornada comeza ás 17:00 no Salón de Actos da Consellería de Sanidade, en San Lázaro, Santiago de Compostela, coa apertura institucional, na que interveñen Belén González Martínez, presidenta de AGEFEC; Luciano Fernández Pintor, presidente de Dano Cerebral Galicia; José Ramón Parada Jorgal, xerente do Sergas; e Begoña Abeijón Fernández, directora xeral de Persoas con Discapacidade.
A seguir, ás 17:15, presentaranse o proxecto e os materiais, pola man de Noelia Rivadas López, de Dano Cerebral Galicia, e de Uxía Rey Lamas, da AGEFEC. Ambas participaron nos grupos de traballo que elaboraron o folleto e a Axenda, e estarán acompañadas dunha persoa con dano cerebral adquirido por causa dun ictus, que relatará a súa experiencia.
Por último, ás 18:15 sairemos do Salón de Actos para percorrer o espazo 'Ponte a proba', no que enfermeiros e enfermeiras da AGEFEC realizarán varias demostracións de control de factores de risco do ictus e emprego da 'Axenda de prevención'. Tralo paso polas diferentes demostracións, as persoas asistentes poderán gozar dunha merenda saudable.
Día Mundial do Ictus
Outubro é un mes crucial para o tecido asociativo do dano cerebral adquirido. Conmemoramos o Día Nacional do Dano Cerebral, o 26, e o Día Mundial do Ictus, o mesmo 29.
Proximamente, tanto a Federación como as asociacións galegas de dano cerebral, iremos comunicando os nosos actos de conmemoración, nos que aproveitamos para visibilizar a nosa discapacidade e lembrar as demandas das persoas con dano cerebral e as súas familias.