- Ámbito
- Taboada
- Data
Esta actividade dá continuidade a outras de formación e sensibilización organizadas en colaboración coa federación de mulleres rurais Fademur.
'Fálame de ti' é unha película que conta a vida dun home despois dun ictus que lle deixou secuelas na fala e na memoria. É dicir, que ten dano cerebral adquirido. Unha ficción coa que Dano Cerebral Galicia aproveita para falar, desde un caso real, da nosa discapacidade, de como detectala e que se pode facer para previla.
Coa colaboración de Landra, Asociación de Mulleres Rurais de Taboada, e de Fademur Galicia -Federación de Asociacións de Mulleres Rurais-, levamos este filme ao salón de actos do cuartel vello de Taboada. A cita, aberta e gratuíta, é o luns 28 de setembro ás 17:00.
Para acudir ao Cinefórum: 'Visións sobre o dano cerebral adquirido no cinema' cómpre, iso si, inscribirse, chamando ao 655 318 853 e contactando con Ana, de Landra.
Unha colaboración para chegar a mulleres rurais
Iniciada en 2024 cun convenio de colaboración bilateral, a alianza con Fademur lévanos permitido formar e informar a ducias de mulleres de zonas rurais de Galicia arredor do dano cerebral adquirido e de diferentes circunstancias que rodean esta discapacidade, especialmente a nivel de coidados e de promoción do autocoidado.
Precisamente, este ano puidemos organizar en dúas ocasións o Obradoiro de autocoidados grazas ás asociacións de Fademur en Beade (18 de maio) e Negreira (21 de maio). Asistiron un total de 34 persoas.
Ademais, o Cinefórum xa contou este ano con 64 asistentes grazas a Fademur. As proxeccións, tamén de 'Fálame de ti', tiveron lugar o 9 (Asociación A Lagoa do Grove) e o 29 de abril (Asociación de Mulleres Rurais Axóuxere da Cañiza).
Máis apoios solidarios
O Cinefórum está organizado por Dano Cerebral Galicia e conta co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF -é dicir, que se organiza grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda-.