- Ámbito
- Vigo
- Data
FEGADACE organiza catro obradoiros de 9 horas para o persoal de centros situados en Vigo, Láncara e Esgos.
A Federación Galega de Dano Cerebral comezou a semana pasada un ciclo de formacións sobre 'Apoio a persoas con dano cerebral adquirido en centros residenciais non específicos' no centro Doral Residencias de Vigo. Esta formación, de 9 horas de duración, ten como principal obxectivo capacitar nas especificidades do dano cerebral adquirido ao persoal de residencias non especializadas na nosa nin en outras discapacidades.
O curso, que se divide en tres sesións presenciais, vaise impartir tamén nos centros Ballesol de Vigo, Serge A Veiga de Láncara e Esgos, entre os meses de abril e maio. As docentes son unha logopeda e unha terapeuta ocupacional de FEGADACE, que trasladan ao persoal, especialmente profesionais implicados/as na atención directa, nocións sobre apoio e intervención no dano cerebral.
Un programa deseñado para residencias non específicas
O programa conta cunha introdución, a modo de presentación do dano cerebral adquirido e as súas secuelas; un apartado sobre autonomía e vida independente, no que se fala de calidade de vida ou toma de decisións; intimidade e privacidade; prestación de apoios nas Actividades da Vida Diaria -alimentación, hixiene, vestido, aseo...-; acompañamento nas actividades de lecer; alteracións na comunicación; e alteracións na deglutición. O temario finaliza cun obradoiro titulado 'Atragoamentos: un enfoque práctico', no que se revisa como previlos -adaptación de líquidos, espesantes, alimentación texturizada, técnicas posturais etc.- e como actuar se se producen.
Trala elaboración do 'Estudo sobre a Atención do Dano Cerebral Adquirido en Recursos Residenciais Galegos', FEGADACE creou unha 'Guía de actuación para o apoio a persoas con dano cerebral adquirido en centros residenciais non específicos'. Este documento é a base do temario que se desprega no ciclo formativo, que permanece aberto para a solicitude por parte de máis residencias.
Proxecto Rumbo
Tanto o estudo como a guía e o ciclo de sesións formativas foron elaboradas no marco do Proxecto Rumbo: cara un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva. Trátase dunha iniciativa colaborativa desenvolta entre distintas confederacións do Terceiro Sector da discapacidade (COCEMFE, ASPACE, Impulsa Igualdad, FEDACE e AUTISMO ESPAÑA). O obxectivo é impulsar o deseño de modelos innovadores de apoio á autonomía persoal e a vida independente de persoas con discapacidade, especialmente aquelas con maiores necesidades de apoios, mediante a combinación de servizos e recursos que poidan facilitar unha forma de vida inclusiva na sociedade en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar.
Este proxecto, que conta coa participación de 22 entidades destas confederacións repartidas en cinco comunidades autónomas, está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado á súa vez aos fondos Next Generation da Unión Europea.