- Ámbito
- Vilagarcía de Arousa
- Data
A proba deportiva decorreu na Praia do Preguntoiro, en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) desde as 17:00 do sábado 6 de xullo.

Ás 17:00 horas do sábado 6 de xullo entraron no mar na Praia do Preguntoiro (Vilaxoán, Vilagarcía de Arousa) as 100 deportistas que participan na 2ª Travesía a Nado Polo Dano Cerebral.
Con dúas modalidades, 900 e 1.800 metros, a Travesía remata coa saída das últimas persoas do mar arredor das 19:00. Trátase dunha proba deportiva inclusiva, na que participaron nadadores e nadadoras con e sen dano cerebral adquirido e acompañantes de apoio das deportistas con discapacidade.
A actividade comezou ás 14:30 coas primeiras chegadas de nadadores e nadadoras para recolleren os seus dorsais. Ás 16:30 empezaron a concentrarse na praia, onde oíron os saúdos das autoridades presentes: Natalia Botana Rey, directora Territorial de Sanidade en Pontevedra, en representación da Consellería de Sanidade; e Carlos Coira Lojo, concelleiro de Deportes de Vilagarcía de Arousa. A continuación foi a quenda dos membros da Asociación Arousaman – Arousawoman Manolo O Nacho, que, por boca do seu presidente, Juan Ramón Martínez, achegaron as indicacións técnicas necesarias para a proba.
Dano Cerebral Galicia organiza esta proba coa colaboración de Arousaman – Arousawoman e da Fundación de Deportes do Concello de Vilagarcía de Arousa. A organización conta tamén coa colaboración, no dispositivo de seguridade, de Protección Civil de Vilagarcía de Arousa e da Asociación Búsqueda y Salvamento. No apoio económico están a Consellería de Política Social e Igualdade, a Fundación José Otero - Carmela Martínez, e o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, no marco do Proxecto Rumbo.
A Travesía enmárcase na liña de actuación que Dano Cerebral Galicia desenvolve para o fomento do ocio e do deporte inclusivo para persoas con dano cerebral, prestándolles os apoios necesarios para a participación nese tipo de actividades, garantindo a accesibilidade universal e o exercicio do dereito ao ocio de todas as persoas. Trátase dunha proba solidaria e non competitiva que ten como obxectivos dar visibilidade ao dano cerebral adquirido e como de promover uns hábitos de vida saudable a través da práctica de deporte que contribúan á prevención do dano cerebral adquirido e, máis concretamente, da súa principal causa, o ictus.
Os e as 15 deportistas con dano cerebral adquirido levan desde setembro adestrando, primeiro en piscina e despois en augas abertas, co apoio dos membros deArousaman – Arousawoman, en técnicas de respiración, flotación e natación adaptada ás secuelas que presenta cada unha das participantes.