- Ámbito
- Lugo
- Data
Dano Cerebral Lugo organiza un 'obradoiro vivencial' destinado a fillos/as e netos/as das súas persoas usuarias.
Garantir que toda a familia, e non só á persoa con dano cerebral, teña dereito á atención especializada é unha das demandas do noso tecido asociativo. As asociacións poñen en práctica cada día este dereito desenvolvendo múltiples actividades que axudan a garantilo.
Dano Cerebral Lugo pensou nas persoas máis pequenas ca casa para organizar un obradoiro vivencial destinado a fillos/as e netos/as das súas persoas usuarias, co obxectivo de facer que comprendan e coñezan mellor o dano cerebral adquirido do seu ou da súa familiar.
A primeira sesión tivo lugar o mércores 7 de xaneiro e estivo destinada a nenas e nenos de menos de 7 anos. Baseouse no conto de Os Bolechas que Pepe Carreiro realizou por encarga de Dano Cerebral Galicia, no que 'Mireia conta que é o dano cerebral adquirido'.
A segunda sesión vai ter lugar o 18 de febreiro e terá como protagonistas a nenos e nenas de 7 a 12 anos, e a última, máis adiante, para maiores desa idade. Estas franxas teñen como obxectivo adaptar os contidos e explicacións de xeito que sexan o máis comprensibles e accesibles posible.
Os obradoiros están conducidos pola educadora social e pola neuropsicóloga de Dano Cerebral Lugo.