- Ámbito
- Galicia
- Data
Dano Cerebral Galicia realizou un ciclo de obradoiros destinados especialmente a familiares no que participaron 116 persoas.
"Para poder coidar de forma adecuada, debemos coidarnos a nós mesmas primeiro." Este é un dos lemas máis destacados nun dos materiais formativos que se entregaron ás 116 persoas que asistiron aos nove obradoiros de 'Autocoidados' que organizamos entre febreiro e maio.
Este obradoiro foi deseñado co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas que, de forma informal ou formal, prestan coidados a persoas con dano cerebral adquirido. É dicir, que se dirixe sobre todo a familiares, pero tamén a persoal de axuda a domicilio, auxiliares, e todo tipo de profesionais do coidado de persoas con dano cerebral.
Dano Cerebral Galicia organizou un ciclo que se levou a cabo en colaboración co CIFP Compostela e con varias asociacións de mulleres e de desenvolvemento local.
En concreto, as primeiras sesións tiveron lugar no CIFP Compostela, con 19 alumnas/os asistentes na primeira edición, e 18 na segunda (entre febreiro e marzo).
En abril o obradoiro viaxou a Vilagarcía de Arousa para organizar unha sesión coa asociación de mulleres rurais Os Borrizos. Foron 24 persoas.
A nosa colaboración con EuroEume frutificou no groso deste ciclo, pois o mes de maio viu como se organizaban obradoiros nas asociacións veciñais de Taboada en Monfero, Painceiras Ribadeume nas Pontes, Nogueirosa e Breamo Campolongo en Pontedeume e Laraxe en Cabanas. O ciclo rematou cun obradoiro na Capela, tamén con EuroEume, o día 27 de maio. Asistiron un total de 55 persoas.
Do total de 116 persoas asistentes, 92 foron mulleres, o que subliña o sesgo de xénero que persiste a nivel de coidados, tal como sinalou a investigación que publicamos en 2021 sobre o coidado informal no dano cerebral. Outras 20 persoas asistentes foron homes e 4 preferiron non sinalar unha opción.
Este ciclo de obradoiros levouse a cabo coa colaboración das entidades mencionadas, da Consellería de Política Social e Igualdade e da Fundación La Caixa. Ademais, a Deputación da Coruña apoiou a organización dos obradoiros de Monfero e As Pontes.