- Ámbito
- Madrid
- Data
O documento do Ministerio de Sanidade alíñase cos ODS para abordar a cronicidade e fomentar a prevención e o envellecemento saudable.
Os principios rectores da Estratexia Española de Saúde Global 2025-2030 resúmense nun: o aliñamento cos ODS para garantir o compromiso do país coa mellora da saúde de todas as persoas no mundo ao final do período. Así, o enfoque pretende ser "eficaz, inclusivo e sostible". A prevención, a modo de promoción da saúde, adquire unha forte relevancia, salientando tamén a importancia da atención primaria, comunitaria, no seguimento da cronicidade.
A Estratexia artéllase arredor de seis obxectivos estratéxicos:
- Fortalecer sistemas sanitarios públicos e resilientes, con especial relevancia da atención primaria.
- Promover a saúde e o benestar desde un enfoque de curso de vida.
- Abordar integralmente os efectos do cambio climático sobre a saúde.
- Prepararse perante emerxencias e ameazas sanitarias transfronteirizas.
- Reforzar a gobernanza e arquitectura da saúde global.
- Impulsar a investigación, innovación e dixitalización en saúde con perspectiva de equidade.
O seu enfoque é de dereitos e de xénero, incorporando a perspectiva da Axenda 2030 e o multilateralismo e cooperación.
Varias das liñas de acción que se desprenden dos obxectivos estratéxicos están intimamente relacionadas cos obxectivos e demandas do tecido asociativo do dano cerebral adquirido, nomeadamente no que ten que ver coa atención á cronicidade e coa prevención das causas.
Prevención de doenzas non transmisibles como o ictus e outras causas do dano cerebral
Menciónase a prevención das diferentes causas do dano cerebral, así como doutras doenzas non transmisibles, tendo en conta tanto a promoción da saúde e dun envellecemento saudable como as principais causas dos traumatismos: accidentes de tráfico e laborais.
No obxectivo estratéxico 2 hai unha liña destinada a "promover o enfoque de determinantes sociais da saúde (...) así como a unha alimentación nutritiva, segura e saudable e sostible". Esa mesma liña explicita que se debe traballar pola "prevención dos principais factores de risco das enfermidades crónicas como o consumo de alcol e tabaco, a obesidade, a diabetes, a hipertensión ou o sedentarismo". Todos eles factores de risco de ictus, igual que o envellecemento poboacional, cara o que tamén se dirixen medidas.
Se a Axenda 2030 tiña entre as súas metas "reducir á metade o número de mortes e lesións causadas por accidentes de tráfico no mundo", a Estratexia tamén o ten en conta para engadir a perspectiva de prevención de riscos para a saúde derivados do traballo "que poidan provocar accidentes ou problemas de saúde físicos e mentais".
Cronicidade, coidados comunitarios e rehabilitación
Por outra banda, a Estratexia incorpora a perspectiva de atención á cronicidade desde o punto de vista dos recursos comunitarios, definindo como unha das principais prioridades o reforzo dos servizos de atención primaria. Menciona o dereito á "rehabilitación para as patoloxías con maior carga de enfermidade ao longo do curso da vida" e a "abordaxe da cronicidade e a lonxitudinalidade dos coidados".
A Estratexia Española de Saúde Global 2025-2030 pode consultarse na páxina web do Ministerio de Sanidade.