- Ámbito
- Galicia
- Data
O seu apoio inclúe a prestación de servizos sociosanitarios de proximidade, accións de capacitación e apoderamento e promoción do ocio inclusivo.
Dano Cerebral Galicia volveu ser beneficiaria este ano da convocatoria de 'Proxectos sociais' da Fundación "la Caixa", o que significa a extensión, ata outubro de 2025, do seu proxecto de 'Servizos sociosanitarios de proximidade e vida independente para persoas con dano cerebral adquirido'.
O plan de traballo, que arrincaba no período 2022-2003 en coordinación coas iniciativas desenvolvidas no marco do Proxecto Rumbo, atendeu entre 2023 e 2024 a 38 persoas e formou, a través de diferentes liñas temáticas, un total de 151. Nestes intres atópase na súa terceira edición, andaina 2024-2025.
Ampliación das liñas de traballo no período 2024-2025
O proxecto que a Fundación "la Caixa" decidiu apoiar este ano e ata finais de outubro de 2025 inclúe dúas liñas que estaban presentes no anterior. En primeiro lugar, vai prestar Servizos sociosanitarios de proximidade centrados na persoa en contornas rurais, nos que van intervir os perfís de logopedia, terapia ocupacional, traballo social, psicoloxía e educación social.
En segundo lugar, vanse desenvolver accións de capacitación e apoderamento a través da formación dirixidas en primeira instancia a persoas con dano cerebral e ás súas familias, pero tamén a todos aqueles axentes sociais comunitarios, así como profesionais sociosanitarios/as de todo tipo de ámbitos (municipais, centros residenciais...). Os campos temáticos sobre os que se van implantar accións formativas teñen que ver co 'Apoio no fogar', 'Autocoidados para persoas coidadoras', 'Dereitos e dano cerebral adquirido', 'Alimentación, deglutición e nutrición', 'Actuación para o apoio a persoas con dano cerebral en contornas residenciais non específicas' e 'Sexualidade e dano cerebral'.
Ademais, nesta nova edición do proxecto súmase unha terceira liña de traballo destinada á promoción do ocio inclusivo, entendendo o goce do tempo libre como unha parte máis do benestar da persoa, e considerando o dereito ao acceso a ese tipo de servizos como unha condición fundamental do desenvolvemento da autonomía persoal. Esta liña combina a súa metodoloxía coa anterior, ao prever accións de formación e capacitación dirixidas a técnicas/os e xestores/as culturais, do ocio e do deporte, para sensibilizar sobre as características que deben cumprir os seus produtos e servizos para poderen considerarse accesibles e inclusivos.
38 persoas atendidas e 151 formadas entre 2023 e 2024
Ata 16 concellos, rurais, dispersos e situados nas catro provincias galegas, foron o escenario da atención que os Servizos sociosanitarios de proximidade proporcionaron a 38 persoas entre 2023 e setembro de 2024. Máis detalladamente, tratouse de 37 persoas con dano cerebral adquirido e unha familiar, residentes en Noia, Muros, San Sadurniño, Aranga, Raxó, Fisterra, Pontedeume, Narón, Cee, Camariñas, Sanxenxo, Vilar de Barrio, Sarreaus, Navia de Suarna, Pontevedra, Xinzo de Limia. No caso das persoas residentes en Navia de Suarna e Xinzo de Limia a atención foi telemática. O 96% de participantes percibiron unha mellora na súa autonomía persoal e calidade de vida, que refrenda o seguimento dos seus Plans Individualizados de Atención, que un 77% de persoas beneficiarias superou no 50% ou máis.
No referente ás accións formativas, desenvolvéronse dúas edicións do curso 'Atención no fogar de persoas con dano cerebral' (con 39 asistentes), unha formación sobre 'Alimentación, deglutición e nutrición' (con 36 persoas formándose); un curso online sobre 'Sexualidade e dano cerebral' (20 asistentes) e un webinar sobre aspectos legais destinado a membros do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (56 inscritas). As mulleres representan el 82,01% das 151 persoas asistentes á totalidade de accións formativas.
Un proxecto imprescindible
A continuidade deste proxecto é imprescindible dada a demanda que detecta, de xeito continuado, Dano Cerebral Galicia. Como indica o obxectivo no que se enmarca a continuación dos Servizos sociosanitarios de proximidade, estes pretenden "favorecer a vida independente, a autonomía persoal e a prevención de situacións de dependencia" en persoas que precisan apoios e coidados de longa duración "non cubertos polo actual sistema de atención", máxime residindo en contornas rurais.
A dispersión territorial propia de Galicia, unida ao coñecemento de que se trata dunha das catro comunidades autónomas con máis persoas con dano cerebral adquirido residentes en zonas rurais, reafirma a necesidade de continuar desenvolvendo este tipo de accións terapéuticas e formativas. O proxecto que desenvolve Dano Cerebral Galicia e apoia, por terceiro ano consecutivo, a Fundación "la Caixa", evidencia a necesidade que o colectivo de persoas con esta discapacidade ten de que os Servizos sociosanitarios de proximidade se integren na prestación prevista a nivel público, para realmente garantir o dereito á continuidade asistencial.
O Proceso Asistencial Integrado do Dano Cerebral, que o Sergas está comezando a implantar, recolle unha referencia a estes servizos. Mentres a súa implantación non se fai efectiva, Dano Cerebral Galicia vai seguir traballando por proporcionar servizos de atención a todas as persoas con dano cerebral adquirido, así como mellorando a capacitación de todo tipo de coidadores e coidadoras, formais e informais, para contribuír á mellora da atención que recibe o colectivo.