- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
As asociacións de Dano Cerebral Galicia retoman a actividade despois do descanso estival.
En ADACE Lugo volven abrir as portas da súa escola de formación cun taller de memoria para persoas con dano cerebral adquirido dirixido pola neuropsicóloga Elisa López. A actividade realizarase todos os luns a partir do 16 de setembro en dúas modalidades: de 16.00 a 17.00 h en formato presencial e de 17.00 a 18.00 h de forma virtual. A inscrición está aberta até o venres 13 de setembro a traves do teléfono 66308539.
Pola súa banda, DCA Ourense continúa desenvolvendo no seu centro de día diversas actividades terapéuticas cun enfoque lúdico e participativo. Desde áreas como a de logopedia e neuropsicoloxía deséñanse diferentes dinámicas para favorecer a estimulación cognitiva de forma amena, favorecendo a interacción das persoas usuarias. Ademais de celebrar todos os martes unha sesión de lectura fácil, na que usuarias do centro len e intercambians opinións sobre as súas lecturas e gustos literarios, no mes de xullo a asociación promoveu diversas actividades deportivas nas 'Olimpíadas DCA 2024'. Aproveitando o estímulo da celebración dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos en París, ass persoas usuarias do centro tiveron a oportunidade de practicar fútbol, volley, esgrima, tiro, boccia...
Ioga terapéutico
Tamén en ADACECO se aposta polo ocio e a actividade física como aliadas no proceso de recuperación funcional. Antes de iniciar as vacacións, o centro de día das Xubias acolleu varias sesións de ioga especialmente deseñadas para persoas con dano cerebral. A actividade, impulsada por Daño Cerebral Estatal e a iniciativa Yoga Diverso, realizouse os lunes e mércores do mes de xullo co obxectivo de mellorar o benestar físico e emocional das persoas participantes a través da práctica colectiva do ioga nun espazo seguro e adaptado ás necesidades das usuarias da asociación coruñesa.