- Ámbito
- Galicia
- Data
Aprobada por unanimidade o 18 de xuño, Día Internacional para Contrarrestar o Discurso de Odio, na Asemblea Xeral da EAPN Galicia.
Dano Cerebral Galicia, como membro da EAPN Galicia, é unha das entidades promotoras e asinantes da declaración 'Tolerancia e respecto. Fronte ao discurso do odio e a aporofobia'. A rede contra a pobreza convida a todas as organizacións da sociedade civil galega, en especial ás do Terceiro Sector e do resto de familias da economía social e solidaria, a asumir esta declaración e a sumar esforzos para construír unha sociedade máis xusta, inclusiva e libre de odio.
Declaración Asemblea EAPN Galicia: Tolerancia e respecto. Fronte ao discurso do odio e a aporofobia
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2025
No Día Internacional para Contrarrestar o Discurso de Odio, as entidades que conformamos EAPN Galicia queremos reiterar o noso compromiso unánime coa necesidade de seguir avanzando na nosa causa común de loita contra a pobreza e a exclusión social, situación na que no 2024 se atopaba o 18’8% da poboación galega, un total de 508.000 galegas e galegos.
Trátase dun contexto que se viu agravado nos últimos anos por mor de conflitos bélicos, o incremento do custe da vida e as dificultades de acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesible e o avance da crise climática. Todos estes factores supuxeron e están a supor un retroceso nos dereitos e liberdades da cidadanía, principalmente a que se atopa en maior situación de vulnerabilidade.
A pobreza e a exclusión social sitúan ás persoas que as padecen nun contexto de estigmatización promovido por parte dos sectores máis reaccionarios da sociedade. As propias persoas afectadas, as organizacións do Terceiro Sector, que tratamos de defender os seus dereitos no día a día e tecendo redes, estamos a detectar unha normalización da aporofobia e da expansión dos discursos de odio.
Especialmente preocupante está a ser a consolidación destes discursos mediante a institucionalización dunha axenda do odio por parte de organismos europeos e algúns gobernos nacionais e autonómicos, coa implantación de políticas que poñen en perigo e vulneran, en moitos casos, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos ou a Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea e que poñen en risco os piares sobre os que se sustenta o estado do benestar e o ascensor social.
Os ataques ás persoas migrantes, ás mulleres, ao colectivo LGBTIQ+ e, en xeral, as persoas en pobreza ou exclusión social, están a pór en risco o cumprimento efectivo dos dereitos humanos. A normalización desta corrente debilita a empatía dos cidadáns e cidadás e afecta, en consecuencia, á nosa democracia e ao noso sistema de dereitos.
A proliferación interesada de bulos para xerar indignación e rendibilidade política e económica alimentan este panorama. O paulatino avance do discurso do odio non sería posible sen as continuas campañas de desinformación e a difusión de noticias falsas que inflúen na opinión pública e constitúen un relato malintencionado contra as persoas en vulnerabilidade e mesmo contra as entidades sociais que no seu día a día tentamos traballar polos seus dereitos.
Desde unha comunidade autónoma cuxa cidadanía non deu cabida a formacións políticas que promovan discursos de odio nin no seu Parlamento nin nos seus concellos: Reiteramos o noso compromiso pola defensa dos valores de tolerancia, respecto mutuo, igualdade de dereitos e non discriminación que nos unen.
Reiteramos tamén a nosa causa común: a loita contra a pobreza, a exclusión e a desigualdade social e de xénero. Desde un enfoque de dereitos, pola defensa dos intereses das persoas e da súa participación comunitaria plena.
Todas e todos debemos poder vivir sen medo, sendo escoitadas e escoitados e tendo a posibilidade de participar activamente na sociedade.
De xeito individual, pero tamén tecendo rede e comunidade, temos a capacidade de ser axentes de cambio para construír un futuro e un presente no que cada persoa, sen excepción, poida vivir con dignidade e respecto.
Por iso é preciso establecer lazos de loita entre as administracións públicas e a sociedade civil organizada e comprometida para frear o incremento da desinformación, xeradora en moitas ocasións dos discursos de odio.
Con todo, o odio pode adoptar diversas formas e non sempre se manifesta a través de discursos agresivos e belicosos. Somos conscientes de que se mantén no tempo unha tendencia ao asistencialismo, que non só non iguala a toda a cidadanía, independentemente da súa situación, senón que é un xeito de perpetuar a condición das persoas en risco de pobreza e exclusión social.
Como entidades do Terceiro Sector Social, este panorama interpélanos e obríganos a seguir avanzando nun modelo social no que non se permita deixar a ninguén á marxe, e no que dende os poderes públicos se garanta a loita contra a desigualdade, os dereitos constitucionais e a inclusión social.
Manifestamos novamente o noso compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas, asumidos polo Estado español e as Comunidades Autónomas como a galega. En especial co primeiro no que se establece que “Para 2030, reducir polo menos á metade a proporción de homes, mulleres e nenos de todas as idades que viven na pobreza”.
Queremos ter presente as demandas das propias persoas en situación de pobreza, reivindicadas baixo lemas como “As persoas primeiro” , “Somos persoas, non expedientes”, “Uns servizos sociais centrados nas persoas”. Que salientan a necesidade dunha maior empatía nos nosos servizos públicos e sociais e nas nosas entidades.
A violencia administrativa —termo acuñado polas propias persoas afectadas— é lamentablemente un feito que ten que desaparecer. A excesiva burocracia, a fenda dixital ou a falta de equidade no acceso á información, son factores que contribúen a aumentar a desigualdade social.
É preciso contar coa experiencia das persoas que viviron ou viven na pobreza, fuxindo dos prexuízos, e involucrándoas nos procesos de deseño das políticas sociais como axentes activos. Todas e todos somos cidadáns de pleno dereito e por tanto, responsables da construción dunha sociedade equitativa e igualitaria.
A orixe destas demandas van da man na loita contra a pobreza e a desigualdade desde unha óptica afastada do asistencialismo. Reclamando medidas que aseguren a inclusión social como o compromiso en orzamentos, planificación a medio e longo prazo e a coordinación política e técnica entre as administracións e coas organizacións sociais especializadas. Todas estas accións poderían contribuír a evitar a transmisión interxeracional da pobreza.
Cremos tamén vital para o futuro do noso sistema democrático, que este discurso de odio, que non chegou ás institucións galegas nin ás forzas políticas do noso Parlamento, pero que é latente en redes sociais, sistemas de mensaxería instantánea, conversas privadas e incluso actos de violencia verbal e física, sexa perseguido e condenado.
As entidades que integramos EAPN Galicia reiteramos o establecido na Declaración Institucional do Parlamento de Galicia con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, aprobada por unanimidade nesa cámara o 20 de outubro do 2020:
- As persoas non son culpables da súa pobreza. Non o son as nenas e nenos nin as súas nais e pais.
- Tampouco o son da súa exclusión as persoas con discapacidade, migrantes, refuxiadas ou da comunidade xitana, as mozas e mozos tutelados ou as persoas privadas de liberdade.
- Ninguén é culpable do seu sufrimento. Non o son as mulleres vítimas de violencia machista.
- Nin pola súa orientación ou identidade sexual.
- Ningunha persoa é inútil. Sexa moza, desempregada, xubilada ou sen fogar.
- As persoas que sofren e denuncian esas e outras moitas mentiras ou as que afirman que “o máis perigoso dos prexuízos é cando ti mesmo os cres” non están soas.
Os poderes públicos teñen a responsabilidade de garantir as medidas necesarias para reducir as desigualdades sociais, combater a discriminación e favorecer o respecto, a tolerancia e a participación activa de todas as persoas. As organizacións do Terceiro Sector Social compartimos este deber, á vez que reclamamos que a asuman as forzas políticas e institucións públicas.
Comprometémonos a difundir e poñer o foco nas experiencias positivas e nos exemplos maioritarios de convivencia normalizada, loitando contra a desinformación e evitando a instrumentalización ou as visións terxiversadas das persoas que viven en situación de exclusión social. Tal e como se establece no Código de conduta na comunicación da pobreza e a exclusión social que no 2015 aprobamos por unanimidade.
Animamos a todas as organizacións do Terceiro Sector e do resto de familias da economía social e solidaria galega a asumir esta declaración.
Fronte ao avance do discurso do odio e a aporofobia, neste día facemos un chamamento para non caer nos prexuízos, para seguir avanzando na inclusión urxente das persoas que non se atopan en igualdade de condicións para a consecución dunha vida digna.