- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
Dirixida a alumnado de novo ingreso na USC que conviva cun/ha familiar ou teña dano cerebral adquirido, pode pedirse ata o 22 de xuño.

Dano Cerebral Galicia e o Colexio Maior San Agustín, de Santiago de Compostela, acordaron ampliar o prazo de solicitude da bolsa dirixida a estudantes de novo ingreso na USC durante o curso 2025/2026.
Esta bolsa foi deseñada como un recurso de apoio a persoas con dano cerebral adquirido e á súa contorna social, polo que se dirixe tanto a persoas con esta discapacidade como a familiares ata 2º grao que convivan no mesmo domicilio, proporcionando unha axuda do 50% do custe da estadía no centro residencial.
Requisitos para solicitar a bolsa
As persoas que desexen solicitar a bolsa deben cumprir varios requisitos; os principais son ser alumnado de novo ingreso no primeiro curso dun grao universitario oficial da Universidade de Santiago de Compostela cunha matriculación a tempo completo, e ter dano cerebral adquirido ou ser familiar, ata segundo grao de consanguinidade, sempre que esta resida no domicilio familiar, dunha persoa con dano cerebral adquirido socia dalgunha das entidades federadas de Dano Cerebral Galicia.
É imprescindible, ademais, solicitar a bolsa xeral do Ministerio de Educación, e tramitar a admisión no Colexio Maior San Agustín. Se o ou a estudante obtén a bolsa do Ministerio deberá ingresar a parte correspondente ata cubrir o 50% da mensualidade do Colexio Maior. No caso de non obtela, deberá aboar directamente ese 50%.
Que inclúe a bolsa?
A bolsa inclúe a estadía completa no Colexio Maior San Agustín durante o curso 2025/2026, segundo calendario académico da USC, en réxime de pensión completa: almorzo, xantar e cea. Ademais, a persoa estudante accede a un programa de seguimento, orientación e acollemento no Colexio, e dispón de acceso ao programa formativo do Colexio Maior San Agustín, en igualdade de condicións co resto do alumnado.
Prazos e como solicitar
O procedemento de solicitude é moi sinxelo. Deberase solicitar, por unha banda, a admisión no Colexio Maior San Agustín, trámite que pode realizarse premendo nesta ligazón: https://www.cmusanagustin.com/admisiones/
Por outra banda, cómpre solicitar a bolsa desde o seguinte formulario: formulario de solicitude
O prazo vén de ampliarse ata o 22 de xuño de 2025.
Hai máis información sobre a bolsa, requisitos e solicitude no apartado específico da web (Bolsa CMU San Agustín) e descargando as bases da convocatoria.
Dano Cerebral Galicita tamén dispoñibiliza para calquera dúbida o enderezo bolsa@danocerebralgalicia.org.