- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
A súa implantación, de acordo coa norma ISO 9001, alíñase coa orientación á transparencia e á mellora continua da Federación.
A consultora AENOR certificou que Dano Cerebral Galicia dispón dun Sistema de Xestión da Calidade segundo a Norma UNE-EN ISO 9001:2015. Isto implica que a maior parte dos procesos de traballo da Federación están organizados segundo os mecanismos de control e seguimento da devandita norma, orientados á mellora continua.
Representantes de Dano Cerebral Galicia mantiveron un encontro con AENOR trala obtención da certificación. En concreto o presidente, Luciano Fernández, a directora, Leticia Vila, e a responsable da Calidade, Noelia Rivadas, recibiron na sede da Federación a José Rodríguez Coello, director da consultora en Galicia.
O certificado ten data de outubro de 2024 e conta cunha validez de tres anos, nos que Dano Cerebral Galicia deberá realizar as accións de mantemento pertinentes. As áreas de traballo incluídas no Sistema de Xestión da Calidade son as que seguen:
- A prestación do servizo de apoio e asesoramento ás persoas con dano cerebral adquirido e ás súas familias e ás entidades federadas.
- A prestación de servizos de información, sensibilización, investigación e divulgación sobre o dano cerebral adquirido.
- A prestación do servizo de deseño, desenvolvemento e impartición de accións formativas especializadas no dano cerebral adquirido.
- A prestación de servizos ás entidades membro da Federación: o desenvolvemento de programas e proxectos dirixidos ás persoas con dano cerebral adquirido e ás súas familias, a captación e xestión de recursos, a xestión da formación do persoal e o fortalecemento do movemento asociativo.
A implantación deste sistema de traballo implica a definición de procesos que garantan un estándar de Calidade que se poida medir e avaliar de xeito continuado, consolidando a continuidade das accións que funcionan correctamente e tamén a reorientación daquelas que fallan ou non achegan os resultados esperados.
Dano Cerebral Galicia aposta pola implantación deste Sistema no marco da orientación do seu traballo á transparencia de todas as accións, así como ao esforzo pola mellora continua en todos os proxectos e áreas da Federación. A certificación de Calidade ISO 9001 permite tamén obter unha maior puntuación nalgunhas convocatorias de financiamento de proxectos, ensanchando as posibilidades de Dano Cerebral Galicia á hora de dar cumprimento á súa misión.