- Ámbito
- Online
- Data
Aínda que se dirixe a alumnado, profesorado e persoal PDI/PAS da Universidade da Coruña, abrirase ao público xeral se sobran prazas.
Dano Cerebral Galicia abre o prazo de inscrición nunha nova edición do curso 'Apoio no fogar de persoas con dano cerebral adquirido'. Organizado en colaboración coa Universidade da Coruña e coa súa iniciativa UDC Saudable, diríxese ao seu alumnado, profesorado e persoal PDI/PAS. No caso de que sobren prazas abrirase tamén a inscrición ao público xeral, polo que podes igualmente solicitar a inscrición. Tramítase aquí:
A actividade formativa vaise desenvolver na modalidade de teleformación, a través da Escola Dano Cerebral Galicia, entre o 2 e o 30 de xuño. O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o día 1 do mesmo mes ás 23:59. Hai 30 prazas dispoñibles.
Aínda que a formación é de balde, Dano Cerebral Galicia ofrece ás persoas interesadas a posibilidade de emisión e envío dun Certificado de superación, así como do manual de contidos do curso en papel, por un importe de 20 euros. Para solicitalo só hai que indicalo no formulario de inscrición.
Obxectivos e contidos
O obxectivo desta formación, que Dano Cerebral Galicia tamén organiza presencialmente, é dobre. Por unha banda, preténdese mellorar a calidade dos coidados que reciben as persoas con dano cerebral adquirido capacitando ás súas coidadoras e coidadores. Pola outra, ten a intención de reducir a carga física e mental que implica desenvolver o labor de coidados a través da aprendizaxe de técnicas que facilitan a prestación dos mesmos.
Ademais de a coidadores e coidadoras, formais ou informais, de persoas con dano cerebral adquirido, a actividade formativa tamén se dirixe a estudantado da área sociosanitaria, e, en xeral, a calquera outra persoa interesada na materia.
A duración do curso é de 18 horas, que cada persoa pode distribuír como mellor lle conveña, a través das que se atende aos seguintes aspectos:
- TEMA 1. DETECCIÓN DO DANO CEREBRAL.
- TEMA 2. PAUTAS PARA AVALIAR A EVOLUCIÓN DA PERSOA CON DANO CEREBRAL.
- TEMA 3. COMUNICACIÓN COA PERSOA CON DANO CEREBRAL E HABILIDADES COMUNICATIVAS.
- TEMA 4. ALTERACIÓNS COGNITIVAS E CONDUTUAIS.
- TEMA 5. TRANSFERENCIAS E CAMBIOS POSTURAIS.
- TEMA 6. ALIMENTACIÓN, DEGLUTICIÓN E MEDICACIÓN.
- TEMA 7. TRATAMENTO DA INTIMIDADE E DA PRIVACIDADE.
- TEMA 8. HIXIENE, CURAS E PREVENCIÓN DE ÚLCERAS.
- TEMA 9. ACOMPAÑAMENTO NO TEMPO LIBRE E ACTIVIDADES DE LECER.
Esta formación está organizada co apoio da Universidade da Coruña e conta co financiamento da Deputación da Coruña.