- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
As relatoras, profesionais de distintos eidos sociosanitarios, reconstruíron de forma coral, crítica e pedagóxica a historia do enfoque de atención e da evolución dos recursos á discapacidade.
Preto de 90 persoas, entre representantes institucionais, integrantes do movemento asociativo do dano cerebral e profesionais de distintas entidades e eidos sociosanitarios, asistiron o pasado 9 de novembro á 'Xornada sobre o Dano Cerebral: dende o asistencialismo ao pleno exercicio de dereitos'.
Na actividade, celebrada na Cidade da Cultura de Galicia, reconstruíse de forma coral, interdisciplinar e pedagóxica a historia do enfoque de atención e da evolución dos recursos á discapacidade, cunha análise reivindicativa da necesidade de situar a autonomía persoal no centro do modelo e cunha mirada crítica e propostiva tanta da situación actual como dos retos a abordar colectivamente.
Na súa intervención de benvida, o presidente de Dano Cerebral Galicia, Luciano Fernández Pintor, asegurou que a Xornada marcar un fito na construción do relato sobre o dano cerebral adquirido e destacou a oportunidade de avanzar cara á consolidación do modelo de dereitos nun momento de cambios no nivel lexislativo, en referencia á aprobación da modificación no artigo 49 da Constitución e á entrada en vigor da Lei 8/2021, e na dimensión sociosanitaria, en alusión ao Proceso Asistencial Integrado (PAI) de Dano Cerebral Adquirido.
Respecto a esta última cuestión, Pintor sinalou a necesidade de que se poña en marcha canto antes esta nova estratexia de actuación, aprobada en 2023, para garantir a continuidade asistencial á que teñen dereito das persoas e familias con dano cerebral. Nese senso, Alicia Piñeiro, subdirectora xeral de Integración Asistencial e Innovación da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria da Consellería de Sanidade, recoñeceu a importancia do PAI e asegurou que o SERGAS está a desenvolver un mecanismo de automatización que permita a detección de persoas con dano cerebral adquirido.
Evolución do modelo de atención
Na conferencia inaugural, Inmaculada Gómez Pastor, directora do Centro de Referencia Estatal de Atención ao Dano Cerebral (CEADAC), ofreceu unha viaxe histórica desde o incipiente interese dos exipcios polas lesións cerebrais até o salto desde as primeiras mencións ao dano cerebral na segunda metade do século XX ao actual modelo de dereitos sociais.
Durante a súa exposición, Pastor sinalou a eficaz contribución das estratexias xurdidas no Sistema Nacional de Saúde para o diagnóstico das causas do dano cerebral e para a dotación de recursos específicos e especializados, lembrando a necesidade de que estas sexan dinámicas para adaptarse aos cambios no perfil das persoas que precisan de atención. Ademais, destacou o avance en dereitos acadado grazas ao activismo nos últimos 25 anos, especialmente trala aprobación da Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, pero advertiu que o modelo médico e asistencialista segue aínda vixente nalgúns aspectos.
Tras esta ampla contextualización, o foco púxose no territorio galego cunha mesa redonda integrada por Rocío García Calvo, directora de Dano Cerebral Santiago de Compostela; Gonzalo Mira Villar, director de Alento; Francisco Nieto Pol, director do Centro de Promoción da Autonomía Persoal (CPAP) de Bergondo; Carmen de la Sierra Vázquez, traballadora social xubilada e ex coordinadora da Unidade de Coordinación de Dependencia da Consellería de Política Social; e por Lourdes Bermello López, enfermeira no servizo de Neuroloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti.
As participantes, moderadas por Leticia Vila Posada, directora de Dano Cerebral Galicia, coincidiron en sinalar o notable aumento da visibilidade do dano cerebral adquirido no eido sociosanitario desde o xurdimento das primeiras asociacións de persoas e familias con esta discapacidade a inicios dos anos 2000. Desde súa aparición, froito dunha necesidade desatendida pola Administración, a resposta ofrecida polo asociacionismo galego foi especializándose e transformándose desde os primeiros equipos profesionais, integrados fundamentalmente por persoal psiquiatría e psicoloxía, á actual interdisciplinariedade.
No relativo ás eivas existentes e aos pasos que aínda quedan por dar, as intervintes tamén concordaron en sinalar a necesidade de intensificar o enfoque preventivo desde a atención primaria, así como na urxencia da implantación do PAI co fin de minimizar e corrixir a falta de recursos nas fases subaguda e crónica. Outros dos retos sinalados foron a necesidade de mellorar na rigorosidade e na calidade das valoracións de discapacidade e dependencia, de dotar dun maior protagonismo á investigación e de activar plans de accesibilidade.
Iniciativas cun enfoque de dereitos
O programa da xornada tamén contemplou diversos bloques destinados a facilitar o intercambio de coñecemento e favorecer a difusión de boas prácticas a través a partir de tres mesas de experiencias: a centrada no marco de Dano Cerebral Galicia e das cinco asociacións federadas, a integrada por represantentes do asociacionismo do dano cerebral a nivel estatal, e a composta por entidades do terceiro sector de acción social da discapacidade no noso país.
En todas elas, as accións e programas presentadas (centradas no eido de vivenda, o emprego, a asistencia persoal, o ocio ou a accesibilidade cognitiva, entre outras cuestións) tiveron como denominador común a centralidade da autonomía persoal a través da creación de condicións que facilten a toma de decisións da persoa usuaria.
Clausura institucional
Laura Abeledo Lameiro, vicepresidenta de Dano Cerebral Galicia, realizou un balance da xornada, destacando abordaxe realizada tanto no relativo ao tratamento do dano cerebral, como, paralelamente, no relativo ao nacemento e crecemento do tecido asociativo e dos froitos xerados por este no camiño cara á consolidación do enfoque de dereitos.
Pechou o acto, Begoña Abeijón Fernández, directora xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social e Igualdade, que financia a actividade con fondos do programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda
Todo o contido da Xornada, incluída a entrega do 12º Premio Dano Cerebral Galicia - Miguel Blanco ao (CPAP) de Bergondo, está dispoñible na canle de Youtube de Dano Cerebral Galicia, onde se poden visualizar por separados os distintos bloques da programación. Para acceder a eles só hai que premer na seguinte ligazón: