- Ámbito
- Galicia
- Data
A Fundación CERMI Mujeres chama este 25 de novembro a denunciar o maltrato, abuso ou agresión contra mulleres e nenas con discapacidade.
O pasado mes de abril o CERMI Estatal presentaba o Libro Blanco sobre las Personas con Discapacidad Sobrevenida en España 2025, no que se analizan diferentes factores arredor das causas de discapacidade non conxénitas. Un dos apartados deste informe é o referente a causas, entre as que se identifican a violencia familiar e a violencia machista.
O Libro Branco remítese á súa vez ao informe da Fundación ONCE Ojo al dato. Visibilidad de una realidad oculta a través del dato: Mujer, discapacidad y violencia. 2023, no que o 27,6% das mulleres que sofren violencia de xénero afirman que a súa discapacidade é consecuencia da violencia vivida. O mesmo informe da Fundación ONCE indica tamén que o 13,4% das mulleres din que a discapacidade non é consecuencia directa da violencia, pero si que empeorou a resultas da mesma.
Na Macroenquisa de Violencia contra a Muller (2019, Ministerio de Igualdade) é un 17% a cantidade de mulleres que denuncian ter unha discapacidade como consecuencia da violencia.
Gloria Álvarez, doutora en Dereito e especialista en dereito da discapacidade, salientaba na presentación do Libro Blanco sobre las Personas con Discapacidad Sobrevenida que no mundo, millóns de mulleres adquiren discapacidade por "embarazos mal levados, abortos mal practicados, mutilacións xenitais e outras formas de violencia".
No mesmo acto, Mayte Gallego, presidenta da Federación Nacional Aspaym, subliñou que son moitas as mulleres con "xordeira, lesións medulares, dano cerebral e mesmo cegueira" debido á violencia exercida polas súas parellas ou exparellas.
Unha das demandas do tecido asociativo do dano cerebral adquirido é un censo de persoas con esta discapacidade, co que caracterizar mellor as causas, de xeito que se poida actuar de cara á prevención, e co que dimensionar axeitadamente os recursos de atención.
A Fundación CERMI Mujeres chama a denunciar
O manifesto conmemorativo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller da Fundación CERMI Mujeres chama este 25 de novembro a denunciar o maltrato, abuso ou agresión contra mulleres e nenas con discapacidade, denunciando que "o silencio faite cómplice".
Dano Cerebral Galicia: compromiso coa igualdade
Dano Cerebral Galicia promove e cre na igualdade e a non discriminación entre mulleres e homes. Traballamos co firme compromiso e convicción coa igualdade de oportunidades, a inclusión e o respecto pola diversidade. Non se toleran actitudes machistas, discriminatorias nin de acoso sexual ou por razón de sexo, nin identidade de xénero.
Existe un servizo de atención telefónica a todas as formas de violencia contra as mulleres: o 016. É gratuíto e confidencial. Tamén se pode contactar por correo electrónico (016-online@igualdad.gob.es), chat online (violenciagenero.igualdad.gob.es) ou WhatsApp (600 000 016).