- Ámbito
- A Coruña
- Data
Iniciativa da Fundación Aequitas, é un punto de encontro e diálogo entre xudicatura, fiscalía, notariado, avogacía e asociacionismo para promover a autonomía persoal.
O Foro de Discapacidade de Galicia, que promove a Fundación Aequitas, reuniuse en outubro no que foi o terceiro encontro do ano, e tamén desde a súa fundación en febreiro (a segunda reunión tivo lugar en maio).
A cita tivo lugar na sede do Colexio Notarial de Galicia o 16 de outubro e contou coa presenza de representantes da xudicatura, da fiscalía, do notariado, da avogacía, e de diversas entidades de discapacidade. Dano Cerebral Galicia está representada no Foro polo seu asesor xurídico, o avogado Miguel Vieito.
A reunión tratou varios aspectos relacionados principalmente coa cuestión do patrimonio, a toma de decisións ao respecto e a accesibilidade.
Comezaron retomando a liña de traballo aberta coas entidades bancarias para promover a accesibilidade aos seus produtos e servizos. A principal conclusión é que, aínda que se aprecia boa vontade por parte das entidades bancarias coas que se reuniu o Foro, hai escasos avances reais pola accesibilidade. As entidades de discapacidade sinalaron os principais obstáculos identificados pola súa poboación, de cara a tratar de dar continuidade a este labor de incidencia.
A continuación tratouse a cuestión da toma de decisións sobre o patrimonio, avaliando diferentes mecanismos existentes actualmente para garantila (dos poderes preventivos ao patrimonio protexido ou as medidas voluntarias), e poñéndoos en relación coa casuística das persoas maiores e/ou vulnerables atendendo a futuras situacións de Alzhéimer ou outras demencias.
Quedou pendente analizar a cuestión da sucesión e testamentos, apuntouse á posibilidade de realizar accións formativas sobre as cuestións que máis preocupen ás entidades de discapacidade, e iniciouse o labor de avaliación do impacto da Lei 8/2021 no ámbito da Seguridade Social e na Administración Tributaria.
O Foro de Discapacidade de Galicia retomará o seu labor en 2026.