- Ámbito
- Galicia
- Data
O período estival suma riscos específicos polo incremento dos desprazamentos en coche ou a práctica de exercicio ao aire libre.
O dano cerebral adquirido non colle vacacións, así que tampouco pode facelo a prevención. A seguir inclúense algúns consellos para non descoidala ao tempo que gozamos das actividades propias do verán.
Ictus
A OMS di que ata o 90% dos casos de ictus podería evitarse cuns hábitos saudables, que non deben abandonarse no verán. O manexo dos principais factores de risco, como a hipertensión arterial, a diabetes, a fibrilación articular, a dislipemia ou a obesidade, inclúe ter en conta:
- Que os cambios de hábitos durante as vacacións non impliquen un abandono ou irregularidade nos tratamentos médicos pautados; asistir ás citas e controis que estean programados.
- Manter unha dieta equilibrada aproveitando a dispoñibilidade de froitas e verduras frescas.
- Evitar o sedentarismo mediante a práctica de exercicio moderado, seguindo sempre as recomendacións sanitarias vixentes para protexerse do sol e do calor.
- Eliminar o consumo de tabaco, alcol e outros tóxicos.
- Empregar as vacacións para reforzar o descanso, durmir ben e eliminar o estrés.
- Manter o cerebro activo dedicando tempo ás actividades que a cada persoa lle sexan pracenteiras: ler, viaxar, facer pasatempos, practicar idiomas...
Accidentes de tráfico
Porén, as causas do dano cerebral adquirido non se limitan ao ictus. Os traumatismos cranioencefálicos son o segundo factor que motiva esta discapacidade, e o verán trae riscos específicos polo incremento dos desprazamentos en coche, entre outras cuestións. Para a prevención viaria cómpre:
- Revisar que o coche funcione correctamente antes de saír (neumáticos, limpaparabrisas, aceite...).
- Programar a viaxe con antelación, tendo en conta as restricións e rutas alternativas que ofrece a DGT.
- Usar sempre o cinto de seguridade ou o casco no caso de viaxares en moto.
- Coidado co sol: utilizar lentes protectores ou evitar as horas de máis luz do día. A claridade resta visibilidade.
- Manter o coche ventilado ou prender o aire acondicionado, realizar paradas cada dúas horas e lembrar hidratarse continuamente con bebidas frescas.
- Evitar comidas demasiado abundantes, bebidas estimulantes e, por suposto, cero alcol.
- Respectar os límites de velocidade e axustala ás condicións da vía.
- O teléfono 018 para vítimas de accidentes de tráfico xa está funcionando para facilitar recursos ao respecto.
- Prestar atención permanente á información sobre a Operación Verán 2026 da DGT.
Outros traumatismos cranioencefálicos
Ademais, a posibilidade de facer máis actividades deportivas fai que sexa preciso lembrar as precaucións necesarias para evitar accidentes que poidan causar traumatismos cranioencefálicos:
- Adoptar as medidas de seguridade aconselladas para a práctica de cada deporte en cuestión. Por exemplo, non deixar nunca atrás o casco tanto para a bicicleta como para outras actividades que o requiran.
- Evitar mergullarse desde alturas moi elevadas ou en zonas onde pode haber vexetación, rochas ou outras bañistas.
- Evitar lanzarse de cabeza á auga sen comprobar a profundidade e/ou onde está prohibido.
- Evitar o consumo de alcol e/ou drogas.
| A violencia machista tamén é unha causa de dano cerebral adquirido, e o seu risco aumenta durante os períodos vacacionais. Se a sofres ou coñeces algún caso, chama ao 016: atende as 24 horas en 53 idiomas diferentes e non deixa pegada nin no teléfono nin na factura. |
Anoxia
A anoxia ou falta de osíxeno tamén é unha causa de dano cerebral adquirido. No verán é especialmente importante prestar atención aos baños, ben sexa en piscina, mar ou río, e tamén á práctica de deportes acuáticos.
- No caso dos baños, nunca afastarse demasiado das beiras, prestar atención ás correntes, optar por praias ou instalacións balnearias con vixilancia (socorrista) e respectar sempre o código de bandeiras.
- Non deixar sós ou soas aos nenos e nenas preto das piscinas ou beira do mar ou río; recoller sempre os xoguetes ou calquera outro obxecto que poida chamar a súa atención.
- Levar sempre o chaleco salvavidas, boia, e/ou calquera outro dispositivo de seguridade indicado nas normas do deporte acuático que se vaia practicar.