- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
A Xunta ten dous anos para crear o Observatorio da Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, que velará polo cumprimento da norma.

O Diario Oficial de Galicia publicou, o 11 de decembro de 2024, a Lei 3/2024, de cultura inclusiva e accesible de Galicia, que entrou en vigor pasados 20 días. Esta lei ten por obxecto "promover as condicións para que a participación na vida cultural sexa efectiva, inclusiva e accesible para todas as persoas e remover os obstáculos que a impidan ou dificulten, con especial atención a aquelas persoas en que concorra algún factor de risco de exclusión cultural".
A discapacidade, factor de risco de exclusión cultural
Considérase que hai múltiples factores de risco de exclusión cultural, entre eles "contar cunha discapacidade con grao igual ou superior ao 33 por cento". Algúns dos outros factores de risco preséntanse con frecuencia nas persoas con dano cerebral adquirido, como ter unha situación de dependencia recoñecida, carecer de recursos económicos ou ter un déficit grave dos mesmos, ou estar en situación de desemprego.
Aplica a dispositivos culturais como museos, arquivos, bibliotecas ou espazos abertos ao público como teatros, salas de cinema ou de concertos, centros culturais... e mesmo espazos abertos ou móbiles do tipo dos detallados.
Plan de accesibilidade e Observatorio
Entre os obxectivos da lei menciónase explicitamente "garantir a accesibilidade universal" e a súa "inclusión plena nos servizos e produtos culturais", ademais de promover o acceso mediante "os apoios e os axustes razoables que procedan", promover a investigación e a innovación, fomentar a creación, visibilizar todo tipo de necesidades de inclusión ou formar e sensibilizar sobre estas cuestións.
As liñas de acción que recolle para garantir o cumprimento dos devanditos obxectivos pasan polo deseño universal, evitar a fenda dixital, ou eliminación de barreiras de todo tipo. Dítase que a Consellería elabore un plan de accesibilidade e de inclusión cultural no que diagnostique a situación e se concreten as accións a través das que se poderá desenvolver efectivamente o documento legal.
Por último, ademais das disposicións que prevén a toma en consideración das variables de ruralidade, perspectiva de xénero ou fomento da lingua galega, a lei dita a creación do Observatorio da Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, como órgano colexiado de asesoramento e de participación institucional encargado do seguimento do cumprimento desta norma. Terá que estar creado no prazo de dous anos desde a entrada en vigor da lei.
Dano Cerebral Galicia revisou o Anteproxecto de lei
A Consellería de Cultura, responsable da elaboración da lei, pasou máis de dous anos elaborando o texto. A inicios de 2022 púxose a disposición das entidades do CERMI Galicia o borrador do Anteproxecto da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.
As entidades de discapacidade, entre as que estaba Dano Cerebral Galicia, foron convocadas a unha xuntanza o 6 de abril dese ano co na altura Secretario Xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo -actual director xeral de Cultura-, na que se presentou e entregou o borrador. As principais dúbidas formuladas polas entidades participantes relacionáronse coa dotación económica e réxime sancionador. Ademais, deuse un prazo para realizar máis achegas, que Dano Cerebral Galicia trasladou trala consulta ás asociacións federadas.
Cultura e ocio inclusivo
Desde o inicio da tramitación da lei, Dano Cerebral Galicia puxo en marcha diferentes iniciativas para promover o goce da cultura e do ocio inclusivo, no marco do Proxecto Rumbo.
Máis detalladamente, promovemos unha campaña de sensibilización sobre ocio inclusivo que se presentou en novembro de 2023 no marco da Feira das Culturas Galegas Culturgal, e que contou o ano pasado cun ciclo de presentacións a nivel local en Lugo, Santiago e Culleredo (dirixida á área da Coruña) na que participaron ducias de representantes do tecido cultural, desde axentes públicos a programadores privados.
Asesoramento e detección de barreiras
Dano Cerebral Galicia permanece a disposición de todos os axentes culturais que así o desexen para presentar, en forma de charla ou sesión de asesoramento, as súas recomendacións e pautas de ocio inclusivo.
Igualmente, o Grupo de Detección de Barreiras, composto por persoas con dano cerebral adquirido e terapeutas formadas en accesibilidade, está a disposición de calquera entidade, organismo ou iniciativa para avaliar a accesibilidade das súas instalacións ou proxectos.