- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
A presidenta, Nuria Varela-Portas de Orduña, estará o sábado na Xornada sobre o Dano Cerebral, dedicada á 'Accesibilidade universal'.
“O compromiso demostrado pola Fundación Breogán coa inclusión social, a sensibilización e a mellora da calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido e doutras persoas con discapacidade, así como a súa disposición para colaborar co movemento asociativo galego na promoción dunha sociedade máis accesible, participativa e solidaria” valéronlle á entidade deportiva lucense a concesión do 14º Premio Dano Cerebral Galicia – Miguel Blanco.
A Xunta Directiva de Dano Cerebral Galicia -a Federación de asociacións galegas de dano cerebral adquirido-, que concede anualmente o galardón, tivo en conta tamén como a Fundación Breogán constitúe “un exemplo de responsabilidade social e de compromiso co seu contorno, promovendo accións que transcenden o ámbito deportivo para converterse nun instrumento de transformación social e de promoción da igualdade de oportunidades”.
Iniciativas como Integra -que promove a práctica do baloncesto entre as persoas con discapacidade-; a liga de boccia de asociacións de Lugo; a fusión entre básquet en cadeira de rodas e inclusión educativa; ou o proxecto Chan común, que é primeiro de Mixed Ability -unión nun mesmo equipo de persoas con e sen discapacidade- de baloncesto en Galicia; son algúns exemplos da vitalidade e versatilidade da Fundación á hora de promover deporte e inclusión.
De xeito particular, Dano Cerebral Galicia quixo “recoñecer o apoio continuado da Fundación Breogán á asociación federada Dano Cerebral Lugo, que neste ano 2026 conmemora o seu 20 aniversario”, á hora de entregarlle o premio.
O acto de entrega terá lugar no marco da Xornada sobre o Dano Cerebral Adquirido, dedicada á ‘Accesibilidade universal’, que Dano Cerebral Galicia organiza este sábado, 7 de novembro, en Santiago de Compostela. Ás 12:30 da mañá, a presidenta da Fundación Breogán, Nuria Varela-Portas de Orduña, vai recoller o galardón -elaborado polas persoas usuarias de Dano Cerebral Alento Vigo das mans de Laura Abeledo, vicepresidenta de Dano Cerebral Galicia, e representante lucense na Xunta directiva da Federación.
A inscrición na Xornada permanece aberta ata o xoves, 5 de novembro, ás 23:59.
Premio Dano Cerebral Galicia – Miguel Blanco: unha historia de 14 anos
A orixe do galardón atópase nas distincións entregadas en 2012 no I Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral, no que se recoñeceu ao psicólogo clínico Miguel Anxo García e outras persoas especialmente implicadas no traballo das asociacións. Un ano despois, estes recoñecementos institucionalizáronse a través do premio, que en 2016 incorporou o nome do neurólogo Miguel Blanco, falecido repentina e prematuramente en outubro de 2015. Blanco dirixía a Unidade de Ictus do CHUS e foi un estreito colaborador da Federación, que lle quixo render homenaxe outorgando o seu nome ao premio, que el mesmo recibiu no ano 2014.
En 2024, coincidindo coa incorporación do tecido asociativo do dano cerebral a nivel local, autonómico e estatal á marca común ‘Dano Cerebral’, o galardón renomeouse como Premio Dano Cerebral Galicia – Miguel Blanco. Nestes 14 anos de historia leva recoñecido a diferentes entidades e persoas distinguidas polo seu compromiso coa prevención, atención e sensibilización sobre o dano cerebral adquirido. O listado completo de galardóns está na nosa web.