- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
O impacto social das actividades e servizos prestados por Dano Cerebral Galicia é tres veces superior á actividade mercantil, é dicir, ás transaccións económicas que realiza. É unha das principais conclusións do estudo 'O valor social de Dano Cerebral Galicia. Exercicio 2022', realizado ao longo do pasado ano co obxectivo de identificar, monetizar e analizar a pegada que xera o labor da Federación nas persoas e colectivos cos que interactúa.
Os datos do informe, realizado co asesoramento da asociación sen ánimo de lucro Global Economic Accounting (GEAccounting), xorden da aplicación da monetización do valor social, unha metodoloxía desenvolta pola UPV/EHU e a Universidade de Deusto para avaliar o labor de empresas e organizacións tendo en conta a achega que realizan á sociedade e non unicamente os beneficios que xeran.
Esta perspectiva, baseada nun procedemento científico estandarizado e de uso universal, comezouse a aplicar en 2018 como un proceso anual de avaliación da transferencia de valor dos programas de atención ao dano cerebral adquirido. Tras varios exercicios cuantificando o impacto conxunto da Federación e das cinco asociacións federadas, decidiuse examinar exclusivamente as liñas de actuación de Dano Cerebral Galicia.
Con este fin, a investigación arredor do exercicio de 2022, realizada entre xullo e decembro do pasado ano, desenolveuse a través dun proceso participativo no que se implicaron tanto integrantes de Dano Cerebral Galicia como persoas e entidades que, directa ou indirectamente, vense afectadas ou implicadas nas accións da Federación. Estes grupos de interese foron os encargados de identificar no labor da Federación unha serie de aspectos (inmateriais, intelectuais e/ou afectivos) que perciben como valiosos e a partir dos que se realizaron os cálculos.
Principais resultados
As magnitudes resultantes do estudo,dispoñible para visualización e descarga nesta ligazón, sinalan que, en 2022, o valor social integrado de Dano Cerebral Galicia en 2022 ascendeu a 1.058.325 €.
Desta cifra, 787.186 € correspóndense co 'valor social de non mercado', é dicir, co valor transferido á sociedade. Este xérase a través de diversos eixos de acción, entre os que destacan os desenvoltos desde a constitución da Federación e, por tanto, os que están máis consolidados: a visibilización (accións orientadas á sensibilización), a colaboración coas administracións públicas (participación en foros institucionais e incidencia política) e a xestión integral de subvencións. En cuarto lugar sitúase a formación, unha área de actuación de recente traxectoria pero xa moi ben recibida socialmente.
Os 254.177 € restantes proceden do valor social de mercado, é dicir, de transaccións económicas como o pagamento de salarios e á Seguridade Social, os tributos e amortizacións, así como das compras a provedoras e investimentos.
No que se refire á devolución económica xerada pola Federación no uso dos fondos públicos que recibe, é destacable a gran capacidade multiplicadora do traballo realizado. Segundo as ratios obtidas, Dano Cerebral Galicia devolve á sociedade os cartos que recibe a través de financiamento público de forma moi significativa, xerando un retorno social de 3,80 euros por cada euro mobilizado. En termos absolutos, esta devolución ás administracións públicas en 2022 foi de 423.972 €.
Ademais, o estudo evidencia a importante función que desempeña Dano Cerebral Galicia no sostemento do movemento asociativo. O rol da Federación no proceso de transferencia de fondos non se limita a súa canalización, senón que tamén abrangue o relativo á solicitude, xustificación, seguimento e auditoría dos mesmos. Estas tarefas, avaliadas baixo o concepto de 'valor social inducido', alcanzan en termos monetarios os 988.686 €.
A utilidade da contabilidade social
En conxunto, as diferentes medicións supoñen un importante insumo para que a Federación axuste as súas actuacións á consecución da súa misión fundacional, pero deben entenderse aínda como un punto de partida a partir do que continuar traballando nos vindeiros anos. Debido a que se trata do primeiro exercicio no que se avalía de forma independente a contabilidade social da Federación, non se pode establecer unha comparativa cun período o suficientemente amplo como para describir unha visión máis global.
A consolidación do emprego desta metodoloxía a curto e medio prazo permitirá que os resultados sexan máis significativos e contribuirá a que a Federación siga a mellorar a transparencia e a comunicación coas persoas, entidades e institucións coas que interactúa.