- Ámbito
- Online
- Data
Desenvoltas en modalidade online, dúas destas accións formativas, que comezan en setembro, xa teñen a inscrición aberta.

Un dos mecanismos que emprega Dano Cerebral Galicia para traballar a prol da mellora da calidade de vida do colectivo do dano cerebral é a capacitación de todo tipo de profesionais e persoas coidadoras informais implicadas na abordaxe e atención desta discapacidade. A maior coñecemento do dano cerebral adquirido e das súas especificidades, mellor calidade da atención prestada a estas persoas.
Así, Dano Cerebral Galicia puxo en marcha unha 'Escola Dano Cerebral' online a través da que organiza actividades formativas, na súa maioría abertas e gratuítas. A partir de setembro está prevista a organización de catro cursos:
Alimentación, Deglutición e Nutrición
A desenvolver do 2 ao 29 de setembro, conta cunha oferta de 30 prazas dirixidas a PAS, PDI e alumnado da Universidade da Coruña (UDC). O curso está organizado coa UDC e a súa iniciativa UDC Saudable, pero abrirase ao público xeral no caso de sobraren prazas. Conta co apoio da Deputación da Coruña. Ten unha duración de 50 horas e pódese solicitar a inscrición aquí.
Apoio no Fogar de Persoas con Dano Cerebral Adquirido
Con 30 prazas en oferta, trátase dunha formación gratuíta que se vai desenvolver do 16 de setembro ao 13 de outubro. Conta co apoio da Deputación da Coruña. Ten unha duración de 18 horas e a inscrición aberta nesta ligazón.
Alimentación, Deglutición e Nutrición
Esta edición si será aberta para o público xeral e desenvólvese do 30 de setembro ao 31 de outubro. A duración é de 50 horas. Con 30 prazas, a inscrición abrirase en setembro.
Sexualidade e Dano Cerebral Adquirido
Con inicio en novembro, o día 4, e desenvolvemento ata o 1 de decembro, esta formación terá 30 prazas en oferta. Conta co apoio da Deputación da Coruña. Proximamente abrirase o seu formulario de inscrición.
Para calquera dúbida tamén se pode contactar co teléfono 689 083 144 ou co enderezo de correo formacion@danocerebralgalicia.org