- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
O órgano deu tamén o visto e prace ao orzamento e á planificación do presente exercicio, no que comeza a implantación do novo Plan Estratéxico.

O pasado sábado, 5 de abril, tivo lugar a Asemblea Xeral Ordinaria de Dano Cerebral Galicia. O órgano supremo de decisión da Federación, composto pola Xunta Directiva e os presidentes e presidentas das cinco asociacións federadas, reuniuse na capital de Galicia, nas instalacións de Dano Cerebral Santiago de Compostela.
A Asemblea contou coa presenza de dez persoas: os membros da Xunta Directiva, a presidenta e un vogal de Alento (Gracinda Pampillón e Jesús Vílchez), o presidente de Dano Cerebral A Coruña ADACECO (Juan Luis Delgado), e a vicepresidenta e unha das vogais da asociación hóspede do encontro (Concha Otero e María Asunción Iglesias).
Sorprendeunas, ademais, un saúdo moi especial: o xa expresidente de Dano Cerebral Santiago de Compostela, José Balboa, que acaba de deixar o cargo, achegouse ao encontro para despedirse e agradecer o labor da Federación e dos seus actuais membros. Balboa ocupou tamén a presidencia de Dano Cerebral Galicia desde a fundación da Federación ata 2016. Vén de abandonar tamén o cargo na asociación compostelá, que axudou a fundar, sendo relevado por Luciano Fernández.
Balance de 2024 e planificación de 2025
Grazas ao apoio técnico da directora de Dano Cerebral Galicia, do Responsable de Xestión Económica, Administración e RRHH, e da de Proxectos e Igualdade, a Asemblea puido examinar e aprobar os documentos que resumen o ano 2024 (Memoria de actividades, Contas anuais e Auditoría de contas), así como as ferramentas que van guiar o traballo da Federación en 2025: Orzamento e Planificación operativa.
Dano Cerebral Galicia finalizou 2024 cun balance positivo de 34.000 euros, dun orzamento total que case acada o 1.250.000 euros. Iso si, deses fondos, o 60% está destinado aos servizos das asociacións federadas; transfírense desde a Federación tras seren recibidos a través dos convenios coa Consellería de Política Social e dos programas con cargo ao IRPF.
Ademais, complementariamente, presentáronse os resultados da Contabilidade social do exercicio 2023. Un extracto dos mesmos está incluído na Memoria de actividades nutrindo o apartado de Transparencia (pódese consultar a partir da páxina 56). A principal conclusión é que por cada euro mobilizado por Dano Cerebral Galicia, xéranse 2,52 euros para a sociedade. Esta cantidade ascende a 2,95 euros se se teñen en conta só os ingresos procedentes de fondos públicos.
Pola súa banda, a Memoria de actividades 2024 recolle, a través de 66 páxinas, un resumo de todos os programas e accións executadas por Dano Cerebral Galicia e tamén polas súas asociacións. O documento ábrese coa prestación de servizos a persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias, dada a procedencia do seu financiamento nas diferentes fontes que emanan da Consellería de Política Social.
Ademais, e tal como sinala o presidente, Luciano Fernández, no saúdo introductorio, a Memoria fai balance dun ano crucial, no que implantamos a marca común do movemento asociativo (en xuño presentouse o cambio de FEGADACE a Dano Cerebral Galicia), concluímos o trienio de despregamento do Proxecto Rumbo e elaboramos un novo Plan Estratéxico que guiará o noso labor desde xa e ata finais de 2028.