- Ámbito
- Galicia
- Data
Continúa a implantación do Plan Estratéxico 2025-2028, coa planificación orzamentaria tamén revisada no encontro do máximo órgano.
A Asemblea Xeral Ordinaria de Dano Cerebral Galicia reuniuse este sábado, 21 de marzo, na sede da Federación, en Santiago de Compostela.
Once persoas representantes das cinco entidades socias e do equipo técnico da Federación asistiron á presentación de toda a documentación de balance do exercicio pasado, así como de planificación deste 2026.
O máximo órgano da Federación Galega de Dano Cerebral aprobou, pois, a Memoria de actividades e as contas anuais de 2025, así como a planificación orzamentaria de 2026, o segundo ano de implantación do Estratéxico 2025-2028.
Coma sempre, toda a documentación é pública e queda a disposición de calquera persoa interesada no apartado de Rendición de contas da nosa web, que se atopa dentro da sección de Transparencia, na que tamén facemos pública a Auditoría de contas de 2025.
Un 2025 de aniversario e de consolidación da marca común
A Memoria de actividades ábrese, ademais do saúdo do presidente e da información sobre os equipos e principais cifras do movemento asociativo (as nosas entidades sumaron 90 persoas socias máis en 2025, ata chegar ás 2.472), cos principais fitos do ano pasado.
Salientan en 2025 a consolidación da nosa marca común, Dano Cerebral Galicia, á que se incorporou o 66% do movemento asociativo galego. O cambio de nome da Federación fixo un ano o pasado 21 de xuño, e oficializouse en decembro cunha renovación estatutaria.
Cumpríronse #25AnosPoloDanoCerebral das nosas entidades da Coruña, Santiago e Vigo, algo que festexamos nos seus actos de celebración e que tamén lembramos en eventos como a nosa Carreira e Andaina Solidaria (que organizamos en Vigo) ou na Xuntanza do Movemento Asociativo do Dano Cerebral Adquirido, ao tempo que a nosa Federación estatal cumpría tres décadas.
Ademais, as nosas liñas de traballo por unha vida independente consolidáronse cos servizos de asesoría xurídica e de asesoramento e préstamo de produtos de apoio, e coa presenza da Rede de Cidadanía Activa como axente representado en todo tipo de foros de participación, escoita e decisión.
A Memoria recolle os principais programas das asociacións, coas novidades de 'Maiores' e 'Acompañamento educativo', e as actividades e servizos que prestamos desde a Federación: información e sensibilización, formación, investigación e divulgación do coñecemento, ocio inclusivo, vida independente, participación cidadá e dereitos, incidencia política e relacións institucionais e cohesión asociativa.
Tamén hai apartados para a proxección e recoñecemento público, transparencia, traballo en rede, e para recoñecer a todas as entidades colaboradoras que, dun ou outro xeito, posibilitaron que levaramos adiante todas as actividades debulladas nas seccións anteriores.