- Ámbito
- A Coruña
- Fecha
O equipo técnico de Dano Cerebral Galicia desprazouse ao centro, que depende da Universidade da Coruña, e testou ferramentas e lentes.

O equipo técnico de Dano Cerebral Galicia visitou onte as instalacións do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), da Universidade da Coruña, para coñecer un pouco máis de preto os seus proxectos de realidade virtual, e como se poden aplicar á rehabilitación das persoas con dano cerebral adquirido.
Manuel Lagos Rodríguez, investigador do Centro, foi o encargado de guiar ás nosas profesionais, amosándolles os dispositivos e ferramentas coas que traballan, e dándolles a oportunidade de probar os lentes de realidade virtual, experimentando o seu uso para adestrar o movemento ou a execución de actividades básicas da vida diaria.
Unha historia de colaboración pola inclusión e a autonomía persoal
O CITIC promove desde 2022 a 'Rede Galega de I+D+i de Tecnoloxías de Apoio para unha Sociedade Inclusiva', da que fan parte Dano Cerebral Galicia e as súas asociacións da Coruña e Santiago de Compostela. Por esa iniciativa e polo seu traballo a prol da inclusión e da autonomía persoal do colectivo do dano cerebral adquirido, o centro foi recoñecido en 2023 co 11º Premio FEGADACE – Miguel Blanco.
A colaboración co tecido asociativo do dano cerebral ten sido constante desde a constitución da Rede. A terapeuta ocupacional de Dano Cerebral A Coruña ADACECO Inés Cortés presentou, xunto co usuario da mesma entidade Enrique Gándara, como aplican a realidade virtual na rehabilitación durante a Xornada sobre o Dano Cerebral de 2024, na mesa sobre 'Iniciativas na atención ao DCA cun enfoque de dereitos en Galicia'.