- Ámbito
- Lugo | Ourense
- Fecha
As nosas asociacións ensaian estratexias para promover hábitos de vida saudable, favorecer a socialización ou mellorar a escritura en persoas con afasia.
Dano Cerebral Lugo vén de renovar a súa colaboración coa Fundación Breogán a través do Proxecto Persoas. Esta iniciativa, que conta tamén co apoio da Deputación de Lugo, está dirixida a varias entidades de discapacidade da cidade, entre as que se atopa a de dano cerebral adquirido.
O Proxecto Persoas diríxese a menores de 21 anos e procura difundir a práctica do baloncesto adaptado, con adestramentos cada semana no Pazo dos Deportes de Lugo.
Esta é a terceira ocasión que Dano Cerebral Lugo colabora coa iniciativa, que conta con múltiples beneficios para as persoas con dano cerebral adquirido: mellorar o ton físico, incorporar a práctica deportiva como parte duns hábitos de vida saudables e favorecer a socialización a través do deporte.
Na procura das letras perdidas
Dirixímonos agora a Ourense, onde é o xogo a técnica que se emprega para promover a rehabilitación, neste caso, a nivel de logopedia. DCA Ourense atende a máis de 40 persoas con dano cerebral adquirido nesta área.
Moitas persoas con dano cerebral teñen afasia, unha secuela que implica dificultades para recoñecer as letras ou os sons que representan, o que pode ocasionar confusión entre palabras similares ou erros en tarefas de escritura.
Na entidade realízase unha gran variedade de actividades encamiñadas a mellorar a capacidade expresiva destas persoas, dependendo das dificultades concretas de cada unha delas.
No caso que se ve na imaxe, María ten que adiviñar as palabras que se lle presentan, identificando que letras faltan e colocándoas na orde correcta.